O 24 de marzo estarei en Allariz, convidado pola Fundación Vicente Risco, no V Roteiro Poético Ponme un Poema. A partir das 20.00 darei catro recitais en catro bares*, nos que, ademais, seica van preparar un pincho con maridaxe especial para a ocasión.

Recomendo vir xa desde o comezo para ir tomando boa nota de como inflúe o mencía na interpretación poética de textos propios e elaborar unha infografía con ceras brandas. Ornitoloxía do choio lírico. Asexar por entre LOS SERVILLETEROS como é que se comporta LE RECITATEUR: o movemento das súas pálpebras, os acenos ao camareiro de “pedín 1906 de caña, non un tercio”, le traspiés avec le linguini, danzar como un robot de cociña mentres citas a Manuel Antonio cunha croqueta na boca.

Os bares a través dos que percorrerá esta orxía de metáforas e calambures serán o Bule Bule, A Micalla, A Despensa do Alarico e o Roi Xordo. No cartaz ata hai un mapa para que o poidas imprimir nun folio con pouca gramaxe e, así, superpoñelo sobre a pantalla do teu smartphone e ubicarte cando vaias como un lacasito.

Obxectivo do roteiro: resumir en catro recitais todo o que necesitas saber sobre a literatura dos últimos 5.000 anos e a primeira tempada da serie “A Nanny”.

O 24 de marzo de 1905 morría Jules Verne. 101 anos despois, o 24 de marzo de 2006, ETA daba comienso a un alto el fuego, bajando las manos, moviendo la sintura, hacernos eso ay-ay-ay.

O 24 de marzo 2018 volve (non foi sen tempo) a poesía a Galicia.

Mata o can. Viva a rabia!

 

*Joder, refírome a que vai ser un recital por bar, non catro recitais en cada un! Dezaseis putos recitais… Vaia puto sinvivir**.

** Aínda que estaría simpático coller e armar catro recitais en cada un dos bares alegando confusión pola miña parte. Pecar por exceso. Desbordar por unha mala interpretación gramático-matemática. 

Advertisements